P L É T O R A #3

Canais alternativos de creación. O relato e a memoria das experiencias

Descargar Canales alternativos de creación. Una aproximación histórica de Daniel López Abel y Miguel Anxo Rodríguez González (eds.) en formato PDF (4.1 MB)

CC by-nc-sa

Actuamos, en primeiro lugar, de xeito responsable. O libro Canales alternativos de creación. Una aproximación histórica (Baleiro, Santiago de Compostela, 2013) foi presentado uns meses despois de terse rematado de xeito “oficial” o período de realización estipulado para o proxecto de investigación. Amparámonos nun marco institucional, universitario, para un proxecto sobre as iniciativas independentes que perseguía analizar e debater sobre as prácticas colaborativas. Contabamos de partida con esa situación peculiar, mesmo contraditoria, pero asumimos a responsabilidade de investigar a fondo as experiencias deste tipo que xurdiran no noso contexto, o noroeste peninsular, desde inicios dos anos 70. O traballo, sen embargo, acadou unhas dimensións que non agardabamos e esixiu máis implicación pola nosa parte.

Se algo queremos destacar especialmente do libro é a xenerosidade e o esforzo dos colaboradores que enviaron os seus textos: Antoni Mercader, Javier Rodrigo e Antonio Collados (Transductores), Xesús Ron, Pedro de Llano Neira, Ania González e Víctor E. Pérez. E a xenerosidade de todos aqueles cos que falamos para elaborar o noso texto, que foron moitos. Este libro é tempo noso, pero sobre todo tempo deles: o tempo do relato, o tempo das experiencias vividas, as reflexións derivadas dos acontecementos e das súas consecuencias. Agradecemos vivamente que compartisen con nós os seus recordos.

Canales alternativos é unha mostra do que cremos é unha tardía, lenta, pero inevitable deriva dentro do campo da Historia da arte cara ao estudio deste tipo de prácticas colectivas, que supuxeron novos modos de articulación no traballo dos creadores. Sentiamos que faltaba este relato das iniciativas independentes no noso contexto, iniciativas que implicaron a creadores en esforzos entusiastas e precarios, con obxectivos ben definidos e en xeral opostos ao sistema da arte imperante. Entendimos, así, o alternativo na arte galega e do norte de Portugal das últimas décadas, como un espazo de posibilidades para a construción doutro tipo de estruturas e de relacións entre creadores. Foi un espazo “político” para a imaxinación desatada, e para a busca doutros modos de traballo e de relacións intersubxectivas. En xeral, os proxectos tiveron unha vida efémera e non conseguiron transformar as estruturas e as políticas culturais, pero crearon redes e relacións coas que haberían de contar os profesionais do mundo da arte.

Unha historia é trazar liñas entre feitos, entre persoas, entre axentes. Co noso texto quixemos dar consistencia e relevancia a feitos que se agochan na memoria anímica das persoas, mesturalos con feitos xa relatados, elaborar unha amalgama. Son as historias dos que fixeron o mundo da arte que agora temos, e serven de materia prima a un relato. Quedou así unha historia entre as posibles. Quedaron moitos nomes e episodios, e algúns foron pouco tratados, si. Outros tal vez demasiado. Pero sempre a historia vai depender moito de quen a faga. Con iso xa contabamos. O que cremos que é moi importante é a densidade do relato. O noso texto ía ser moito máis conciso, nun primeiro momento, en correspondencia co dos colaboradores da primeira parte do libro. Non queriamos facer algo tan cargado de nomes e de episodios. Pero a medida que o texto medraba, os datos íannos pedindo máis e máis, e crecía en nós a sensación de que faltaba tempo e espazo. Tal vez a maior revelación: que a historia era máis rica do que pensabamos, neste tipo de iniciativas e de experiencias. Hai que contar máis.

Esta historia está feita de acontecementos, de obras, pero sobre todo de relacións afectivas. Estas son as que posibilitan que os esforzos se compartan e que os proxectos saian adiante, a pesar das carencias de diñeiro e en moitos casos de espazos axeitados para a produción e exhibición. Isto hai que destacalo ben. O fenómeno non é novo e está detrás da constitución de grupos no tempo das vangardas históricas, e antes. As carencias en infraestrutura e diñeiro, e a falta de destrezas profesionais -en ocasións-, foi contrapesada coa ilusión, a confianza e o afecto mutuo. E a cantidade de experiencias que ilusionaron foi moita.

Para rematar, queremos constatar que sempre existíu unha vía de comunicación (complicada, normalmente, sen uns códigos demasiado definidos) entre as institucións establecidas e os creadores independentes. Estas vías -canles- mantivéronse abertas pola presión dos novos creadores, pero tamén polas necesidades das institucións. A pesar do relato tradicional ao que estamos afeitos, que promove sempre as imaxes do artista como “heroi trunfador”, do éxito persoal e da selección nun contexto de forte competencia profesional, o certo é que as institucións precisan de constante renovación, e teñen que buscar nos espazos abertos polos “alternativos”. O mundo da arte nútrese do potencial transformador do independente, e deste as institucións van sacando nomes, feitos e tendencias. É o “alterne”, dito con toda a ironía do mundo, por Juan Luis Moraza nun dos encontros que propiciou o proxecto de investigación. Canto necesitan as institucións aos que van por libre, e os que se organizan pola súa conta...!

Esta historia das canles e espazos alternativos, independentes, outros... é simplemente a outra cara da moeda, a parte desatendida, que ata o de agora ficaba como fragmentos para a recomposición das historias do éxito de certos individuos. Temos que constatar que máis que anacos para o recheo, estas iniciativas independentes son o combustible indispensable para que a máquina da arte funcione, son as que dan sentido a unha idea de comunidade artística.

Foto de portada: Todos somos indeseables Intervención de Fernando Sánchez Castillo en Kaldarte (Caldas de Reis, Pontevedra), 2008.